A Coruña: falar de vivenda durante varios minutos non resolve o problema de quen pode quedar sen casa

A Coruña: falar de vivenda durante varios minutos non resolve o problema de quen pode quedar sen casa

Por Miguel Hernández Bernárdez

O xoves, 10 de setembro, de novo a vivenda entrou no Pleno do Concello da Coruña. Entrou pola voz da cidadanía, pola voz de persoas que levan tempo denunciando desafiuzamentos, alugueiros cada vez máis difíciles de pagar, vivendas turísticas presuntamente irregulares e familias que viven coa incerteza de non saber se poderán continuar no seu barrio.

Pero permitir que a cidadanía fale durante uns minutos non pode converterse nunha escusa para dar por cumprida a participación pública.
Escoitar está ben. Actuar é imprescindible.

Porque detrás de cada desafiuzamento non hai unha estatistica. Hai persoas. Hai familias, nenos e nenas, traballadores, pensionistas e xente que durante anos construíu a súa vida nun barrio e que pode perder a súa casa porque os prezos da vivenda avanzan moito máis rápido que os seus ingresos.

Problema de fondo

O Concello da Coruña dispón dun Banco Municipal de Vivenda e afirma contar con máis de 400 inmobles destinados ao alugueiro social. Tamén está en marcha a construción de 50 novas vivendas municipais de alugueiro social en Xuxán.
Pero a pregunta continúa sendo inevitable: son suficientes ante a dimensión actual da crise da vivenda?
A realidade que denuncian os colectivos sociais indica que non.

Porque os alugueiros continúan sendo inalcanzables para unha parte da poboación, a mocidade ten enormes dificultades para emanciparse e moitas familias viven coa ameaza de ter que abandonar os barrios nos que sempre residiron.

Ao mesmo tempo, a Plataforma polo Dereito á Vivenda vén denunciando a adquisición de edificios enteiros e o risco de que operacións inmobiliarias terminen expulsando os actuais inquilinos. No comunicado leído no Pleno sináilaronse casos nas zonas da Gramela, avenida de Fisterra e Troncoso.

Cómpre dicilo con claridade:
un edificio con familias dentro non é simplemente un activo financieiro. É un lugar onde hai vidas, historias e fogares.

O dereito á propriedade non pode facer desaparecer o dereito das persoas a unha vivenda digna nin pode converter barrios enteiros en espazos reservados unicamente para quen teña maior capacidade económica.

Outro dos conflitos está nas vivendas de uso turístico.
A Plataforma polo Dereito á Vivenda rexistrou recentemente denuncias contra 26 vivendas turísticas que considera presuntamente ilegais ou contrarias á normativa municipal. O colectivo reclama inspeccións, sancións e o cesamento das actividades cando se comprobe que incumpren a ordenanza.

E aquí tamén hai unha pregunta moi sinxela para o Concello:
que ocorre despois de que un cidadán presenta unha denuncia?

Porque unha Administración non pode descansar no traballo voluntario dos veciños para localizar posibles irregularidades e despois permitir que os expedientes se eternicen.

Denunciar debe servir para investigar. Investigar debe servir para resolver. E cando exista unha infracción acreditada, a normativa debe cumprirse.
A Coruña foi declarada zona de mercado residencial tensionado precisamente porque existe un problema grave de acceso á vivenda. O propio Concello recoñoce que actualmente non existe un parque de vivenda asequible cunha dimensión suficiente para responder ás necesidades da poboación.

Por iso non chega con falar de grandes desenvolvementos urbanísticos nin con anunciar cantas vivendas se construirán dentro de varios anos.

A pregunta fundamental é outra:
que solución ten hoxe unha persoa que cobra un salario baixo, unha pensión pequena ou unha prestación social e non pode pagar 800, 900 ou 1.000 euros mensuais por unha vivenda?
Que alternativa ten unha familia que recibe unha orde de desafiuzamento?
Que fai unha persoa que traballa na Coruña pero xa non pode permitirse vivir na Coruña?

Ese é o debate que debería ocupar o centro do Pleno municipal. A cidadania dispuso de varios minutos para falar. Os representantes políticos dispoñen de orzamentos, competencias, patrimonio público, capacidade normativa e catro anos de mandato para actuar. Por iso eses poucos minutos non poden quedar nun simple trámite institucional.

O dereito á vivenda non se resolve deixando falar é cidadania. Resólvese tomando decisións.

Hai que aumentar de maneira decidida o parque público de alugueiro social, impedir que unha situación de vulnerabilidade remate nunha familia na rúa, actuar contra as vivendas turísticas que incumpran a normativa e defender que os barrios sigan sendo lugares onde vivir e non simples productos de investimento.

Porque perder a casa non é perder catro paredes.
É perder seguridade, barrio, vínculos, escola, veciñana e, moitas veces, unha parte da propia vida.
E unha cidades que expulsa ás persoas que non poden pagar os prezos do mercado está deixando de ser unha cidade para todos.

A vivenda é un dereito. E os dereitos non poden depender de quen poida pagar máis.

Más artículos del autor
⇒ Galiza en LoQueSomos

Comparte, tus amig@s lo agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@; Friendica: Loquesomos;
UpScrolled: @LQSomos; Telegram: LoQueSomosWeb;
Bluesky: LQSomos; Facebook: LoQueSomos;
Instagram: LoQueSomos; WhatsApp: LoQueSomos;
Youtube: @LoquesomosAudiovisual

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.