A Coruña sae á rúa polo dereito á vivenda e reclama límites ás vivendas turísticas
Por Miguel Hernández Bernárdez
A Plataforma Polo Dereito á Vivenda reclama ao Concello da Coruña medidas inmediatas para frear a expansión das vivendas de uso turístico, reforzar as inspeccións e protexer os edificios residenciais fronte á súa transformación en usos turísticos ou hoteleiros.
A defensa do dereito á vivenda volveu facerse visible este luns na Coruña. A Plataforma Folio Dereito á Vivenda convocou unha concentración diante do Concello para reclamar ao Goberno municipal medidas efectivas ante o avance das vivendas de uso turístico (VUT) e as crecentes dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda.
A organización considera especialmente preocupante a situación nunha cidade declarada zona de mercado residencial tensionado, onde o incremento dos prezos do alugueiro e da compra está dificultando cada vez máis o acceso a unha vivenda digna.
Para a Plataforma, a vivenda debe cumprir prioritariamente unha función residencial e social, polo que reclama unha política municipal que coloque o dereito á vivenda por diante da expansión dos usos turísticos.
Unha das principais demandas é que o Concello poña en marcha inmediatamente os estudos previstos na normativa municipal para determinar que distritos da cidade se atopan en situación de saturación de vivendas de uso turístico.
Naqueles barrios ou distritos nos que se cumpran os criterios establecidos, a Plataforma reclama que sexan declarados zonas saturadas e que non se permita a implantación de novas VUT.
A organización pide tamén incrementar as inspeccións municipais e actuar contra aquelas vivendas turísticas que incumpran a normativa. As denuncias presentadas pola cidadanía, sinalan, deben dar lugar ás correspondentes inspeccións e, cando proceda, á apertura de expedientes de reposición da legalidade urbanística e expedientes sancionadores.
Nos casos nos que unha actividade turística careza do título habilitante correspondente ou non se axuste aos usos permitidos polo planeamento, a Plataforma reclama que se adopten medidas efectivas para garantir o cesamento da actividade, incluindo, cando legalmente proceda, medidas como o precinto dos inmobles ou o corte de subministracións.
Especial preocupación polos edificios residenciais completos
Outro dos puntos que máis preocupa á Plataforma é a transformación de edificios residenciais completos en inmobles destinados exclusivamente a vivendas turísticas ou a establecementos hoteleiros.
A organización fai neste punto unha importante precisión: non afirma que estas transformacións sexan necesariamente ilegais. O problema, segundo explica, é que a actual normativa urbanística municipal pode permitir determinados cambios de uso que faciliten a substitución do uso residencial por usos turísticos.
Por ese motivo reclama que, mentres se revisa a normativa, o Concello suspenda cautelarmente as novas licenzas de cambio de uso de edificios residenciais completos a VUT ou uso hoteleiro.
A Plataforma pide igualmente unha modificación puntual do PEPRI para impedir, limitar ou condicionar a transformación de edificios destinados a vivenda en inmobles turísticos ou hoteleiros, especialmente nas zonas onde a presión residencial é maior.
As principais reclamacións trasladadas ao Concello son:
• Iniciar inmediatamente os estudos previstos na ordenanza municipal para determinar os distritos nos que existe saturación de VUT.
• Declarar zonas saturadas os distritos que cumpran os criterios establecidos e impedir neles a implantación de novas vivendas turísticas.
• Incrementar as inspeccións municipais e actuar contra as VUT que incumpran a normativa.
• Abrir expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores cando corresponda e adoptar medidas efectivas para garantir o cesamento das actividades ilegais.
• Suspender cautelarmente as novas licenzas de cambio de uso de edificios residenciais completos a VUT ou uso hoteleiro mentres se modifica a normativa.
• Modificar puntualmente o PEPRI para impedir, limitar ou condicionar a transformación de edificios residenciais en usos turísticos ou hoteleiros.
A mobilización deste 24 de agosto pretende, en definitiva, situar novamente no centro do debate unha cuestión que afecta cada vez a máis persoas: a vivenda non pode converterse exclusivamente nun negocio cando unha parte crecente da poboación ten dificultades para atopar un fogar e un prezo asumible.
A Plataforma reclama ao Concello da Coruña que pase das declaracións ás medidas concretas e que utilice as ferramentas urbanísticas e de inspección das que dispón para defender o carácter residencial dos barrios.
Vivenda para vivir, barrios para a veciñanza.
Más artículos del autor
⇒ Galiza en LoQueSomos
Comparte, tus amig@s lo agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@; Friendica: Loquesomos;
UpScrolled: @LQSomos; Telegram: LoQueSomosWeb;
Bluesky: LQSomos; Facebook: LoQueSomos;
Instagram: LoQueSomos; WhatsApp: LoQueSomos;
Youtube: @LoquesomosAudiovisual
