1975. Un crime de estado na conta final do franquismo

Por Agencia LQS
Publicado pola Comisión 27 de Setembro, este libro de 92 páxinas, coordinado por Celso X. López Pazos, únese á homenaxe á Resistencia Antifranquista representada polo último executado pola ditadura franquista, no 50 aniversario daquel 27 de setembro de 1975. O libro que ten nas súas mans relata un momento decisivo no final da ditadura criminal do xeneral Franco.
Cun pé na tumba, o Ditador e os poderes que o amparaban desde o golpe de estado de 1936, trataron de deixar unha pegada de medo feroz que lles permitise controlar a súa fin inexorábel. Tomada a decisión de que fose a través da pena de morte, cinco foron os militantes antifascistas elixidos para inmolar nun crime de estado onde non aforraron en crueldade.
Tortura, aplicación retroactiva de leis, restrición total do dereito de defensa, inexistencia de probas nin testemuñas, aplicación de xustiza militar en consellos de guerra e sadismo na aplicación final do asasinato no paredón. Aquí podes ler o relato e a interpretación duns feitos que marcan a memoria democrática cunha data inesquencíbel: 27 de setembro de 1975.
Para nunca deixar atrás os seus nomes de ouro:
Xosé Humberto Baena Alonso, Xosé Luís Sánchez-Bravo Solla, Ramón García Sanz, Jon Paredes Manot Txiki e Ángel Otaegi Etxeberria
Nota editorial, presentación
Cando as circunstancias de fóra e de dentro se cruzan ou coinciden, xa hai moito camiño andado e non semella difícil cumprir os obxectivos trazados previamente. Esas circunstancias coincidiron de xeito moi acaído para que este libro puidera ver a luz agora que se celebra o 50 cabodano dos fusilamentos do 27 de setembro de 1975.
As circunstancias de fóra defínense pola data a lembrar, isto é, por manter na memoria aqueles asasinatos de estado decidiu que levar a cabo a ditadura do xeneral Franco no seu momento final de evidente descomposición. As de dentro articúlanse á súa vez, pola persistente actitude dos integrantes da Comisión 27 de setembro (creada en 1995 por homes e mulleres, compañeiros e compañeiras, amigos, amigas e camaradas de Baena e Sánchez-Bravo) para non deixar pasar desapercibida esa conmemoración tal como xa fixeran nos aniversarios anteriores. só que nesta ocasión, transcorridos cincuenta anos, semellaba ter unha dimensión memorialística de maior calado entre a veciñanza de Vigo, na cidade toda e máis aló.
O libro que tes nas túas mans e que xorde desa necesidade, divídese en tres grandes apartados. O primeiro procura contextualizar historicamente que foron aqueles fusilamentos dentro do marco de represión brutal que caracterizou a ditadura franquista. Para iso utizamos o resumo do artigo «La capacidad para hacer que las cosas o existan» de Manuel Blanco Chivite, que apareceu no libro Contra Franco (Editorial Cedall & Vosa, 2006).
No traballo de Blanco Chivite, coa súa autorización e traducido galego, recóllense contadas polo miúdo as brutais operacións represivas que o franquismo exerceu, xa en tempos da súa presunta agonía, contra calquera tipo de oposición, en moitas ocasións co resultado de morte a mans da policía ou da garda civil.
O segundo apartado reproduce textos que, a demanda dos organizadores, remitiron diversas persoas como homenaxe a Baena e os seus compañeiros fusilados en setembro de 1975. Estes textos foron lidos, intermitentemente nos anos, no cemiterio de Pereiró en Vigo ao pé da tumba de Baena a partires do ano 2015. Aparecen aquí os remitidos por Rosa Regás, Victoria Sánchez-Bravo, Manuel Blanco Chivite, Pablo Mayoral e Vladimiro Fernández Tovar (é un texto asinado polos tres), Carlos Tena, Arnaldo Otegi, Suso de Toro e Rosa García Alcón.
O apartado derradeiro recolle diversos artigos, todos eles inéditos, solicitados a pé feito para formar parte da edición deste libro.
COMISIÓN 27 DE SETEMBRO
O libro pódese mercar na Libraría LIBROURO, rúa Eduardo Iglesias 12, Vigo.
#50AñosDeImpunidad #27SResistenciaAntifranquista #AlAlba
#27DeSeptiembre #VientosDeDignidad #27sep75
⇒ 27-9-1975: Prohibido olvidar ⇐
Comparte este artigo, os teus amigos o agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Telegram: LoQueSomosWeb
Bluesky: LQSomos; Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos
Instagram: LoQueSomos WhatsApp: LoQueSomos;